A Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego quere manifestar:
O seu malestar pola tardanza na resolución sobre competencias do audiovisual, causando un retardo na produción e que están a converter 2009 nun ano negro para o noso sector.
O seu acordo coa decisión que poida adoptar o presidente da Xunta de unificar todas as competencias do audiovisual, tanto as de fomento, como as de promoción e ordenación, nun único organismo.
A convicción total de que este organismo debe estar integrado na Consellería de Cultura.
O seu máis enérxico desacordo con que as asociacións representadas por esta coordinadora non fosen convocadas á consulta nun tema tan importante, e nin sequera recibidas, a día de hoxe, por ningunha das autoridades da Consellería de Cultura ás que se lle solicitou unha entrevista.
Queremos manifestar, ademais, que con esta data solicitamos formalmente unha entrevista co presidente da Xunta, Sr. Alberto Núñez Feijoo, co fin de facerlle chegar persoalmente a nosa posición respecto a un asunto absolutamente decisivo para o noso futuro inmediato.
A Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego está constituída pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA) e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA).
Acabo de recibir vía Microsiervos outro interesante vídeo feito coa técnica stop-motion, que rende homenaxe aos xogos de 8-bits. Para os non iniciados, os xogos de 8 bits son aqueles que nos anos oitenta enchían as salas de xogos con “marcianitos”, “come cocos”, e demais personaxes pixeladas, no que tanto tempo e moedas investimos os da miña xeneración. Nesta entrada máis que escribir, vou recomendar catro interesantes vídeos baseados na estética 8-bit, un deles dirixido por dous socios de CREA.
Os alumnos do departamento de “Computer Science and Engineering” da Universidade de Wasington, veñen desenvolvendo un impresionante sistema de mellora da calidade dos vídeos. O sistema en fase de desenvolvemento, baséase na mistura de secuencias de vídeo e fotografías das mesmas escenas, analiza o vídeo, e mediante uns algoritmos desenvolvidos por eles mesmos, incorpora á imaxe toda a resolución dispoñible nas fotografías, que en principio terán maior resolución e rango dinámico que o vídeo. Resumindo, o sistema nos permitiría rodar un plano en baixa resolución, e tirando unha secuencia de fotografías ao mesmo tempo, combinalas con estes sistemas e obter un plano final en alta resolución. O sistema ademais de mellorar a resolución dos planos, permite: aplicar modificación dinámicas do tempo con alta calidade, co que tamén podemos crear secuencias de cámara rápida e lenta; utilizar sistemasfotográficosHDR (High Dinamic Range) no vídeo; facer axustes de exposición; e facer retoques e manipulacións avanzadas. O sistema divídese en dous programas independentes, un para secuencias estáticas EGRS e outro para secuencias con movemento ICCP. Por se fose pouco, estes alumnos están a desenvolver os proxectos en código aberto, baixo licenza GNU General Public License (GPL). Persoalmente sempre fun escéptico con este tipo de ferramentas “máxicas”, pero esta paréceme realmente interesante e ben fundamentada, ademais de abrir un incrible mundo de posibilidades de cara á posprodución de vídeo.
Información ampliada dos proxectos, descarga de códigos, documentación, etc. nas webs dos proxectos (inglés): EGSR, ICCP Especialmente recomendables e impresionantes os dous vídeos explicativos nestas webs.
Devanditas axudas non eran oficiais ata que non foran publicadas no DOGA, e isto estaba bloqueando a tramitación do adianto do 50% ao que poden acollerse algunhas de estas subvencións.
A publicación, aínda que benvida, chega tarde, ao igual que as resolucións (recordemos que se convocaron o pasado febreiro e resolvéronse ben entrado o verán), máis tendo en conta que a data improrrogable de entrega das producións mantense no 31 de outubro, data esta que parece ser a única que non pode sufrir ampliacións ou atrasos. Por outra banda, botase de menos a transparencia a que nos acostumaron estes anos, nos que a composición das comisións era publicada antes da propia resolución.
Esperemos que no futuro, xa sen a desculpa das présas estes aspectos se melloren.